Thursday 02 de May de 2024

Últimos días para inscribirse no Descenso do Ulla en piragua


Os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces organizan esta actividade que terá lugar o próximo sábado 30 de xuño

Os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces organizan unha nova edición do Descenso do Ulla en piragua. Esta cita deportiva desenvolverase o próximo sábado 30 de xuño.

Para participar nesta iniciativa, cun custo de 20 euros por persoa –inclúe uso da piragua, chaleco salvavidas e seguros-, cómpre inscribirse previamente. O prazo para apuntarse concluirá o martes 26 de xuño, polo que dende o Concello de Boqueixón animan a aquelas persoas interesadas en vivir esta xornada de aventura acuática a inscribirse canto antes.

As inscricións deberán formalizarse nas Oficinas de Información Municipal Xuvenil (OMIX) de Boqueixón (981 513 061 ou no correo electrónico omixboqueixon@gmail.com). As prazas son limitadas.

O Descenso do Ulla en piragua consistirá nun percorrido de algo máis de dez quilómetros que levará aos participantes polo curso deste río dende as Illas de Gres (Vila de Cruces, xusto na fronteira coa parroquia boqueixanesa de Ponte Ledesma) ata Agronovo (no concello de Vedra), pasando pola área de recreo de Sucira (Boqueixón).

O punto de encontro será o campo da festa de Ponte Ledesma, onde as persoas asistentes recollerán todo o material necesario para desenvolver esta actividade. Os/as participantes deberán estar alí o sábado 30 de xuño ás 10.30 horas.

A actividade dará comezo ás once da mañá e o percorrido durará unhas dúas horas. Persoal da organización da actividade estará presente en distintos puntos de todo o percorrido para garantir a seguridade dos/as asistentes. No lugar onde rematará o Descenso do Ulla en Piragua, na área recreativa de Agronovo, ofrecerase un servizo de autobús que desprazará ás persoas asistentes ata o punto de saída.